Historia do xacemento

No corazón de Vilamartín de Valdeorras (Ourense), sobre un espolón rochoso que domina o val do río Sil, álzanse os restos de O Castelo de Valencia do Sil, un asentamento fortificado ocupado entre os séculos IV e VI d.C. Este lugar, que non parece ser a continuidade dun poboado anterior, foi unha fundación de altura en plena crise do mundo romano e nos inicios do reino suevo.

Aínda que non contamos con documentos medievais que o mencionen de forma indiscutible, algúns investigadores propuxeron a súa posible identificación co topónimo “Ualleza”, citado nun documento de 1187. Esta hipótese segue sendo incerta.

A memoria oral ha conservado, con todo, un relato moito máis vivo: a lenda das tres costureras que, perseguidas polo cabaleiro Roldán, convertéronse en pedra na cima do espolón. Hoxe, aínda se sinalan tres cuarzos no alto como testemuñas desta historia popular, unindo así pasado histórico e tradición oral.

As estruturas visibles —vivendas, espazos de almacenamento e áreas produtivas— fálannos de comunidades campesiñas organizadas, capaces de adaptarse a un novo panorama político, económico e social tras a caída de Roma, mantendo redes de contacto que chegaban máis aló do seu territorio inmediato.

Historia dos traballos arqueolóxicos

Primeiras intervencións: Grupo Os Escarbadores (anos 60-70)

O primeiro grupo en actuar no xacemento foi Os Escarbadores, veciños do Barco de Valdeorras que escavaron, sen metodoloxía arqueolóxica formal, un conxunto de unidades domésticas coñecidas como “a gran casa”.

Aínda que non deixaron informes escritos, si se conservan fotografías e parte do material recuperado, como cerámica sigillata e moedas romanas, hoxe depositados no Museo de Ourense. Estas intervencións permitiron formular as primeiras hipóteses cronolóxicas, situando a ocupación principal entre os séculos IV e VI d.C.

Década de 1990: posta en valor, achados fortuítos e espolio

A partir de 1992 levaron a cabo distintas tarefas de limpeza do xacemento, froito dunha iniciativa privada dun veciño de Vilamartín de Valdeorras, con apoio do propio Concello. Estas intervencións permitiron unha importante posta en valor do sitio, que incluíu a organización de visitas guiadas desde a

Con todo, o sitio sufriu en paralelo varias campañas de espolio, especialmente entre 2009 e 2010. A pesar diso, o rexistro arqueolóxico conservado —entre el, estruturas domésticas, materiais cerámicos e indicios de actividade metalúrxica— evidenciaba un enorme potencial para a investigación.

As intervencións de Sputnik Labrego (2019-2024)

Desde 2019, co impulso do proxecto Sputnik Labrego e o financiamento do Concello de Vilamartín de Valdeorras, inícianse campañas arqueolóxicas con metodoloxía estratigráfica. As escavacións de 2019 e 2020 permitiron definir unha secuencia tardorromana centrada entre os séculos IV e V d.C., cun barrio doméstico, espazos de almacenaxe e estruturas vinculadas á produción metalúrxica.

A campaña de 2025

Traballo de campo

A sétima campaña de escavación, desenvolvida do 12 ao 29 de maio de 2025, centrouse en:

  • Escavación de estruturas domésticas en sectores abertos en campañas previas.
  • Apertura de novas sondas para localizar restos aínda non documentados.
  • Acondicionamento do sector A para facilitar a visita e comprensión do xacemento.
  • Consolidación de muros e pavimentos nos sectores B e C, utilizando cal natural, lousa local e sistemas de reintegración visibles pero respectuosos cos materiais orixinais.

Esta liña de conservación, iniciada en 2023 e coordinada pola restauradora Carlota Muñoz Herrero, busca asegurar a integridade do xacemento e facelo accesible para a súa visita pública.

Traballo divulgativo: arqueoloxía en comunidade

O proxecto forma parte de Sputnik Labrego, unha iniciativa que combina investigación arqueolóxica con arqueoloxía en comunidade, defendendo que o coñecemento xerado debe compartirse con quen habita o territorio.

As actividades desta campaña incluíron:

Arqueopeque: xornada no colexio de Vilamartín con alumnado de infantil e primaria. Presentouse o xacemento, recreáronse actividades cotiás do pasado e reflexionouse sobre a importancia de protexer o patrimonio. Cada participante recibiu un diploma.

Visita guiada ao xacemento: unhas trinta persoas coñeceron de primeira man as estruturas escavadas e os avances da campaña, xerando un espazo de diálogo directo entre comunidade e equipo arqueolóxico.

Deja un comentario