Historia do xacemento
Na parroquia de San Vicente de Trigás, no concello de Mondoñedo, localízase a chamada aldea de Combarro, un conxunto arqueolóxico que está a abrir novas vías de coñecemento sobre as comunidades rurais dos primeiros séculos da Alta Idade Media. Trátase dun período, entre os séculos V e VII d.C., escasamente coñecido a nivel material en Galicia, mais crucial para comprender a transición entre o mundo romano e o medieval.

As evidencias documentadas falan dunha comunidade que organizaba a súa vida arredor da unidade doméstica, onde se concentraban as tarefas de subsistencia, os coidados e a produción. Agricultura, gandaría, traballo do metal e posible produción cerámica son parte das actividades que permiten situar este asentamento dentro dun momento de reorganización económica e social tras a desarticulación do poder imperial.

Historia das escavacións
O interese polo lugar arrinca no ano 2013, cando o veciño Miguel Chao descubriu restos humanos ao abrir unha gabia na súa finca. A intervención inicial documentou tumbas delimitadas con laxes de pedra e restos ósos datados entre os séculos VIII-IX d.C. A partir deste achado, o lugar pasou a formar parte das investigacións arqueolóxicas de maior alcance.

En 2023, baixo a dirección de Celtia Rodríguez González e a coordinación científica de José Carlos Sánchez Pardo, comezou unha nova etapa de investigación no marco dos proxectos ECOLOC, ARPAMED e COIDARQ. A escavación puxo ao descuberto un espazo habitacional con forno e abundante material cerámico, cunha cronoloxía entre os séculos VI-VII. Un ano despois, as prospeccións xeofísicas confirmaron a amplitude do asentamento e a presenza de estruturas asociadas ao lume, abrindo a hipótese de estar ante unha aldea altomedieval en consolidación.

Desde entón, as campañas teñen permitido reconstruír con maior precisión a vida cotiá da comunidade, sempre en diálogo coa veciñanza e con forte compoñente divulgativa.
A última campaña de escavación (2025)
A campaña de 2025 ampliou as áreas de traballo en Combarro, centrada en novos sectores do asentamento. Documentouse un gran edificio de época altomedieval, con distintas áreas produtivas relacionadas coa elaboración de obxectos de uso cotián. Entre os achados máis significativos destaca un fondo de cubeta de escoura de ferro, que confirma a produción de metal no propio lugar, probablemente destinada á fabricación de ferramentas.

Tamén se rexistraron fragmentos cerámicos con erros de cocción, indicio de que puideron existir obradoiros locais de produción cerámica. Estes datos consolidan a idea de que Combarro foi un espazo de autoxestión e autosuficiencia, no que a comunidade combinaba a produción para o autoconsumo co contacto con centros próximos como Lugo.

Cada campaña engade novas pezas a este mosaico sobre a vida do rural galego altomedieval. Ademais de avanzar no coñecemento científico, o proxecto busca implicar á sociedade local mediante visitas guiadas, charlas e actividades divulgativas. Grazas ao apoio da Deputación de Lugo, o Ministerio de Ciencia, Innovación Universidades a través da Universidade de Santiago de Compostela e doutras entidades, Combarro é hoxe un referente tanto para a investigación arqueolóxica como para a posta en valor do patrimonio rural da Mariña lucense.

