Despois dun intenso ano de traballo en Francia, o proxecto COIDARQ inicia unha nova etapa co comezo dunha estadía de investigación na Unidade de Arqueoloxía da Universidade do Minho (UAUM), en Braga. Esta unidade, creada en 1977 e dependente da Reitoría, forma parte do Conselho Cultural da Universidade e está especializada na investigación arqueolóxica, na posta en valor do patrimonio e na transferencia do coñecemento.

Durante o período 2025/2026, a investigadora contará cos espazos e materiais necesarios para desenvolver un programa de traballo propio, integrado ademais en proxectos en curso da UAUM. Os obxectivos principais oriéntanse cara ao análise de novos contextos rurais altomedievais, a profundización en metodoloxías de análise espacial e a aplicación práctica de ferramentas empíricas adquiridas en etapas previas de formación.

A estadía centrarase no estudo dos asentamentos rurais do norte de Portugal na Alta Idade Media, con especial atención a dúas tipoloxías fundamentais:

  • as aldeas altomedievais, entendidas como núcleos de vida cotiá,
  • e os asentamentos en altura vinculados á transición cara á Alta Idade Media.

A partir desta investigación desenvolveranse estudos de caso no sur da Gallaecia altomedieval, incorporando metodoloxías da arqueoloxía da paisaxe e unha perspectiva de xénero, o que permitirá unha comprensión máis ampla dos procesos históricos da rexión.

O programa ten como finalidade fortalecer os lazos de cooperación entre investigadoras galegas e portuguesas, ampliando o marco de estudo da Gallaecia a ambas beiras da fronteira. Este enfoque transfronteirizo contribúe a xerar unha visión máis completa dos procesos históricos que marcaron o noroeste peninsular durante a Alta Idade Media.

A estadía desenvolverase en colaboración coa profesora e investigadora Rebeca Blanco Rotea, dentro da Unidade de Arqueoloxía da Universidade do Minho.

Deja un comentario