Arqueoloxía de Xénero en Galicia. O espazo cotián das sociedades rurais na transición á Alta Idade Media (ss. IV–VI) desde a perspectiva feminista de Celtia Rodríguez González constitúe unha das primeiras aproximacións integradas á arqueoloxía de xénero aplicada ao período tardoantigo na Península Ibérica. O monográfico, publicado na colección BAR International Series, enmárcase na liña de investigación desenvolvida no proxecto Coidarq.

A obra propón unha lectura renovada da transición entre o mundo romano e a Alta Idade Media a partir dunha análise centrada na vida diaria, os corpos, os coidados e as actividades de mantemento. Este enfoque permite afastarse das narrativas tradicionais máis orientadas ás elites e aos procesos político-administrativos para situar no centro as experiencias materiais das comunidades rurais e doutros suxeitos historicamente invisibilizados.

O libro estrutúrase en sete capítulos que introducen os fundamentos teóricos da arqueoloxía de xénero, reflexionan sobre o concepto de cotidianidade e propoñen unha definición crítica das actividades de mantemento como chave interpretativa do período. A continuación preséntanse tres casos de estudo fundamentais para comprender a Gallaecia tardorromano: O Castelo de Valencia do Sil, Santomé e A Lanzada, xacementos que permiten examinar prácticas domésticas, organización do espazo habitado, dinámicas produtivas e contextos funerarios.

A análise conxunta destes contextos fai posible reconstruír procesos sociais a pequena escala e entender como as comunidades reorganizaron os seus modos de vida tras o final do Imperio romano. O monográfico destaca pola súa capacidade para integrar a cultura material, a identidade relacional, a memoria comunitaria e os coidados como elementos que inflúen directamente na transformación social.

No seu conxunto, esta publicación ofrece unha contribución esencial para avanzar cara a unha arqueoloxía feminista no noroeste peninsular. O marco teórico e metodolóxico que propón constitúe unha base sólida para as liñas de investigación actuais e futuras de Coidarq, reforzando unha lectura máis inclusiva e complexa das sociedades rurais altomedievais.

Deja un comentario