Investigadoras de Galicia e Portugal reuniranse o vindeiro 6 de marzo no Museu de Arqueologia D. Diogo de Sousa para visibilizar o papel das mulleres e promover novas formas de interpretar a historia e o patrimonio.

O Museu de Arqueologia D. Diogo de Sousa, a Unidade de Arqueoloxía da Universidade do Minho e a Universidade de Santiago de Compostela organizan o 6 de marzo de 2026 a xornada internacional “Património com Género: experiências e materialidades através de um novo olhar”, unha iniciativa vinculada á conmemoración do Día Internacional da Muller. A xornada comezará às 9:00h (hora Portuguesa) ca presentación e rematará sobre as 17:30 com um debate final que pechará o evento. O encontro terá lugar no Museo de Arqueoloxía D. Diogo de Sousa (Braga) e reunirá investigadoras de ámbito nacional e internacional especializadas en arqueoloxía, historia e estudos de xénero. A xornada constitúe un espazo de reflexión e diálogo arredor do papel da perspectiva de xénero na investigación histórica e arqueolóxica, así como na construción, interpretación e difusión do patrimonio.

Nas últimas décadas, os estudos de xénero consolidáronse como un eixo fundamental das ciencias sociais. A súa incorporación á arqueoloxía e á historia permitiu abrir novas liñas de investigación que contribúen a visibilizar o papel das mulleres e doutros suxeitos historicamente invisibilizados, xerando novas formas de comprender as sociedades do pasado e o seu legado material.

A conferencia inaugural será impartida por Jacinta Bugalhão, arqueóloga do Patrimonio Cultural e investigadora do Campo Arqueolóxico de Mértola, quen abordará o desenvolvemento da arqueoloxía de xénero en Portugal. Participará así mesmo Celtia Rodríguez-González (Universidade do Minho / Universidade de Santiago de Compostela), cuxa investigación se centra nos patrimonios do coidado e na análise do xénero no mundo rural durante a transición á Alta Idade Media. No ámbito da Prehistoria intervirán Andrea Mourinho-Schick (Universidade de Santiago de Compostela) e Beatriz Comendador Rey (Universidade de Vigo), que presentarán diferentes liñas de traballo sobre narrativas patrimoniais e xénero desde a Arqueoloxía Pública. A xornada contará igualmente coa participación de Alexandra Esteves (Universidade do Minho), que analizará o papel das mulleres na construción da paisaxe do Alto Minho nos séculos XIX e XX, e de Célia Catarina Alves Barbosa (Universidade do Minho), quen abordará as relacións entre patrimonio, territorio e xénero a partir do estudo da paisaxe rural. A clausura correrá a cargo de Rebeca Blanco-Rotea (Universidade do Minho), que presentará as conclusións finais do encontro.

Cun enfoque académico e divulgativo, a xornada abrangue un amplo marco cronolóxico, desde a Prehistoria ata a historia contemporánea, con especial atención ao oeste da Península Ibérica, particularmente Galicia e Portugal. O principal obxectivo é promover unha reflexión crítica e interdisciplinar sobre a perspectiva de xénero na investigación histórica, arqueolóxica e patrimonial, así como reforzar o diálogo entre investigación, práctica profesional e sociedade, contribuíndo á construción dun coñecemento máis inclusivo e socialmente comprometido.

A xornada conta coa organización conxunta do Museu de Arqueología D. Diogo de Sousa e do proxecto Coidarq, dirixido pola investigadora posdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela Celtia Rodríguez González, e financiado no marco das Axudas Posdoutorais da Xunta de Galicia dentro do CISPAC – Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais. A iniciativa desenvólvese así mesmo co apoio da Unidade de Arqueoloxía da Universidade do Minho e do Lab2PT – Laboratorio de Paisaxes, Patrimonio e Territorio.

Deja un comentario