Recurso educativo aberto (REA) interactivo.

**O PDF é unha adaptación estática do recurso e non conserva todas as funcionalidades interactivas e calidade do REA.

Mapping Cares é unha viaxe ao pasado para mirar o presente con outros ollos, poñendo os coidados no centro. Este proxecto de investigación e divulgación explora como se contan —e que silencios agochan— os relatos sobre a Alta Idade Media (séculos IV–VII) nos museos arqueolóxicos do Noroeste Peninsular dende unha perspectiva crítica, reflexiva e feminista.

O estudo céntrase nas exposicións do Museo Arqueolóxico de Asturias, o Museo do Castro de Viladonga, o Museo de Arqueoloxía D. Diogo de Sousa e o Museo Nacional de Arte Romano. Proximamente, o proxecto continuará ampliándose a outros museos, incorporando novas miradas e contextos de estudo.

A través deste recurso educativo aberto (REA), podes explorar as coleccións dos museos analizados mediante itinerarios, contidos e recursos interactivos que visibilizan os coidados, as relacións de xénero e a vida cotiá, a partir dos obxectos das súas exposicións permanentes.  O recurso convida a quen o percorre a poñer tamén as súas lentes violetas. Cada obxecto dos itinerarios convértese nun punto de partida para aprender, reflexionar e comprender como se tecen os coidados na sociedade da Alta Idade Media e como estas lecturas dialogan co noso presente.

Unha ferramenta pensada para museos, aulas e calquera outro espazo de aprendizaxe que queira achegarse ao pasado dende a igualdade, a inclusión e a xustiza social.Explora, comparte e participa: achégate ao proxecto, utiliza os recursos e comparte a túa experiencia. As túas achegas axúdannos a seguir medrando. A túa ollada tamén forma parte deste proxecto.

Cómo citar este recurso (APA 7):

Mouriño Schick, A., Rodríguez González, C. e González Jiménez, A. D. (2025). Mapping Cares: itinerarios dende os coidados. Museos arqueolóxicos, xénero e educación. Proxecto COIDARQ, Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 978-84-09-80635-5. https://view.genially.com/68c3d8ebe137b6b36479ecd4/presentation-mappingcaresitinerarios-dende-os-coidados

Se tedes interese no proxecto ou queredes acceder a materiais educativos sobre os coidados, non dubidedes en escribirnos a mappingcares@gmail.com.