Estadía no 2024-2025
A primeira estancia deste proxecto terá lugar na Université Bordeaux Montaigne, especificamente no Instituto de Investigación Ausonius, xunto á Profesora e Investigadora Isabelle Cartrón.
Este instituto (UMR 5607) é unha unidade mixta supervisada polo CNRS, a Universidade de Bordeaux-Montaigne e o Ministerio de Cultura Francés, localizada no Campus de Pessac, na Maison de l’Archéologie e no Archéopôle. O Instituto Ausonius céntrase no estudo dos espazos, sociedades e culturas desde a Protohistoria Europea ata o final da Idade Media, abarcando disciplinas como arqueoloxía, historia, historia da arte e filoloxía helenística e latina. Este enfoque interdisciplinar converteuno nun centro de referencia tanto en Francia como no ámbito internacional.



O Instituto Ausonius xogou un papel fundamental na estruturación da arqueoloxía en Burdeos, establecendo fortes vínculos con outras unidades de investigación como Archéosciences Bordeaux (UMR 5060) e Pacea (UMR 5199). Inicialmente, esta colaboración enmarcouse dentro da Fédération des Sciences archéologiques de Bordeaux (FSAB-FR 3383) e posteriormente no LabEx Sciences archéologiques de Bordeaux (LaScArBx). Na actualidade, a asociación continúa baixo o GDR Pasado Humano.
O laboratorio destaca pola súa proxección internacional, promovendo a mobilidade dos seus investigadores e fomentando a creación de redes e asociacións. Ademais, acolle profesores asociados, visitantes e numerosos investigadores novos en cátedras e posdoutorados, apoiados por programas como LabEx, IdEx, contratos ANR, ERC e becas Marie Curie.
Entre os servizos de apoio que ofrece o Instituto Ausonius, destaca a Biblioteca Robert Étienne, especializada en Protohistoria, Antigüidade e Idade Media, que proporciona acceso gratuíto a máis de 50.000 libros e 874 títulos de publicacións periódicas, dos cales 433 están en activo. Esta biblioteca é recoñecida pola súa extensa documentación sobre a Península Ibérica e Epigrafía, ademais de realizar esforzos na adquisición de volumes en novas áreas de desenvolvemento como a papiroloxía e a historia da arte medieval.

O centro de humanidades dixitais, AusoHNum, participa en todas as fases dos proxectos de investigación do laboratorio, desde a adquisición, tratamento e análise de datos ata a difusión web dos datos enriquecidos. A súa experiencia en bases de datos de Ciencias Sociais e Humanas, xeomática e modelización 3D aplicada á arqueoloxía sitúao na vangarda tecnolóxica.
Ademais, o Instituto Ausonius conta con amplas instalacións para o tratamento e estudo de cerámica, madeira e restos de cunchas e peixes, procesando máis de 100.000 obxectos ao ano. Tamén está fortemente involucrado en actividades de formación, organizando eventos científicos, seminarios, coloquios e conferencias, así como exposicións relacionadas co programa científico do laboratorio. O departamento de Comunicación Científica, Promoción e Medios de Comunicación coordina cursos de descubrimento e acolle a profesores de secundaria, dirixindo tamén talleres educativos para alumnado de secundaria.
Este completo programa de investigación permite desenvolver os obxectivos da estancia, que inclúe aprendizaxe en tecnoloxías SIG e Sintaxe espacial, a creación de redes de investigación entre Francia e Galicia no contexto Altomedieval, e a organización de seminarios para difundir esta investigación promovida pola Xunta de Galicia tanto a nivel académico como internacional.


