Estadía no 2025-2026
A segunda estadía do proxecto realizarase dentro da Unidade de I+D Lab2PT (Laboratorio, Paisagens, Patrimonio e Territorio) e a Unidade de Arqueología da Universidade do Minho en Braga, xunto á Profesora e Investigadora Rebeca Blanco Rotea.
A Universidade do Minho (UMinho) é unha das principais institucións de educación superior en Portugal, destacándose especialmente no ámbito da investigación, sobre todo no Norte do país. Esta excelencia queda reflectida nas súas posicións nos principais rankings internacionais, como o Academic Ranking of World Universities, que avalía a calidade e impacto da investigación científica.


Nos últimos anos, a UMinho rexistrou un notable aumento no número de publicacións científicas e noutros indicadores de relevancia. En 2022, a universidade publicou 3500 artigos indexados en SCOPUS, e incrementou o número de investigadores altamente citados, así como as súas citas e índices h nas súas respectivas áreas de especialización.
A UMinho dispón de varias bibliotecas ao servizo da comunidade académica, xestionadas polo Serviço de Documentação e Bibliotecas. Entre elas destacan a Biblioteca Xeral do Campus de Gualtar, a Biblioteca do Campus de Azurém, a Biblioteca de Dereito e a Biblioteca Prof. Joaquim Pinto Machado. Estas instalacións reúnen unha ampla colección de documentos en todas as áreas do coñecemento, con máis de 700 prazas de lectura e estudo, e ofrecen servizos de consulta e préstamo de libros aos seus usuarios.



Dentro da UMinho, o grupo de investigación Lab2Pat é un referente na área de arqueoloxía, centrado no estudo das paisaxes e os seus marcadores culturais desde a Prehistoria ata a actualidade. Lab2Pat está vinculado á Unidade de Arqueoloxía da Universidade do Minho (UAUM), que facilita a transferencia de coñecemento en beneficio das comunidades e rexións. A UAUM está composta por un equipo interdisciplinar de arqueólogos, informáticos, persoal técnico-auxiliar, bolseiros de investigación e colaboradores, organizándose en diversas áreas como Arqueoloxía da Arquitectura, Arqueoloxía da Paisaxe e Poboación, Arqueoloxía de Materiais e Tecnoloxías, Arqueoloxía Urbana, Arqueoloxía e Novas Tecnoloxías da Información, e Valoración e Divulgación do Patrimonio.
A solicitante será acollida na UAUM, unha unidade creada en 1977 e dependente da Reitoría, que forma parte do Conselho Cultural da Universidade. Os principais obxectivos desta unidade inclúen o avance do coñecemento sobre arqueoloxía, a posta en valor do patrimonio e a transferencia do coñecemento. Durante a súa estadía, a investigadora terá a oportunidade de participar en diversos proxectos, ampliando a información e os datos da súa investigación. Particularmente, vincularase ao proxecto «Estudo Arqueológico da cidade de Braga/Salvamento de Bracara Augusta«, iniciado en 1976, que lle permitirá revisar e analizar as campañas de escavación na cidade de Braga relacionadas coa Alta Idade Media.
Ao longo da súa estadía no período 2025/2026, a investigadora contará con despachos e materiais necesarios para a súa investigación. Este programa permitirá cumprir os obxectivos da estadía, centrados na análise de novos contextos e na aprendizaxe de análises espaciais. Ademais, servirá para poñer en práctica aplicacións empíricas aprendidas previamente, fortalecendo os lazos entre investigadores galegos e portugueses. Por último, permitirá ampliar o marco de estudo da Gallaecia, observando os procesos históricos no Norte de Portugal durante a Alta Idade Media.


