O xacemento de O Castelo de Valencia do Sil acolle unha nova campaña de escavación arqueolóxica. Nesta ocasión, os traballos teñen un dobre obxectivo: continuar coa investigación da área habitacional, onde nas últimas intervención se documentaron novas estancias que confirman a entidade do asentamento como un amplo complexo arqueolóxico, e por outra iniciar unha nova etapa orientada á súa posta en valor e a súa apertura á sociedade.
A iniciativa está promovida, un ano máis, polo Concello de Vilamartín de Valdeorras, coa colaboración da asociación científica Sputnik Labrego, a Universidade de Santiago de Compostela, a Unidade de Arqueologia da Universidade do Minho e o proxecto COIDARQ, financiado polas axudas posdoutorais da Xunta de Galicia. Con esta nova campaña, O Castelo consolídase como un referente arqueolóxico no noroeste peninsular e reforza tamén a súa dimensión como escola de arqueoloxía.

Os obxectivos desta campaña son claros: seguir afondando no coñecemento da zona residencial, que ofrece información fundamental sobre a sociedade que habitou Valdeorras durante o século V, e avanzar na accesibilidade do xacemento para o público xeral.
“Dende o inicio das actuacións, ademais do valor científico que queriamos desenvolver a través da análise dos materiais e das estruturas documentadas nas distintas fases de ocupación, tiñamos claro que era necesario poñer en valor o xacemento e xestionalo como un recurso patrimonial de primeira orde”, sinala Celtia Rodríguez González, investigadora da USC e da Universidade do Minho, e codirectora das escavacións no xacemento. “O Castelo de Valencia do Sil é un xacemento recoñecido na Península Ibérica pola súa importancia científica e tamén como un referente patrimonial e arqueolóxico”.
“O noso obxectivo é que quen visite O Castelo poida entender mellor a importancia deste asentamento e a vida das persoas que o habitaron hai máis de mil cincocentos anos” destaca Carlos Tejerizo, profesor da Universidade de Salamanca e director científico da actuación. “Nesta campaña temos o obxectivo de poñer en marcha a sinalización ao xacemento, pero tamén de continuar ca labor divulgativa do sitio”
Nos vindeiros días, a escola de arqueoloxía volverá a Valdeorras. Como en campañas anteriores, estudantes do mestrado en Arqueoloxía da USC e da Universidade de Vigo participarán nos traballos de campo a través dun convenio de prácticas. Durante a súa estadía, poderán aprender como se organiza e xestiona unha escavación arqueolóxica, poñendo en práctica os coñecementos adquiridos durante o curso baixo a supervisión de especialistas.
A campaña tamén terá unha importante dimensión social e educativa. O xacemento abrirase ao público durante os traballos, cunha atención especial ás crianzas de Valdeorras, que volverán ser protagonistas das actividades de divulgación.
“Dende o noso punto de vista, o xacemento debe ter un valor patrimonial moi vinculado ás novas xeracións, porque elas son o futuro de Valdeorras. Pensamos que deben coñecer o seu patrimonio de primeira man” Sinala Rodríguez.
Durante esta campaña, O Castelo poderá ser visitado mentres se desenvolven os traballos arqueolóxicos. Dende a organización animan á veciñanza e ás persoas interesadas a achegarse ao xacemento en horario de campo, de 10:00 a 15:00 horas, para coñecer de preto o avance das escavacións.
“Non se trata só de escavar, senón tamén de devolver á sociedade o coñecemento que xera a investigación arqueolóxica”. Engade Tejerizo. “A posta en valor do xacemento permitirá reforzar o seu papel como recurso cultural para Valdeorras e como referente arqueolóxico no noroeste peninsular”
Esta nova intervención está financiada polo Concello de Vilamartín de Valdeorras, en colaboración coa asociación científica Sputnik Labrego, a Universidade de Santiago de Compostela, a Unidade de Arqueologia da Universidade do Minho e o proxecto COIDARQ, que analizan as sociedades rurais na transición á Alta Idade Media no noroeste peninsular.

